Pentes

20160422_171906
Pentes de diferente numeración

Unha das cousas fascinantes que ten o oficio de tecelá ao xeito tradicional é que calquera das ferramentas e utensilios que se empregan no traballo poden ser feitos por un/unha  mesmo/a  con recursos do entorno   “ antes  a xente sabía facer de todo“.

Os pentes, peites, pendes ou pieites son pezas que xunto cos lizos ( dos que falaremos noutro momento) forman as chamadas perchadas, mangas, vestidos ou vestiduras do tear ( podemos dicir que o conxunto é o software do tear). O normal é que cada tecedeira teña un vestido        ( peite+ lizos) para cada labor,  para non ter que andar enfiando e desenfiando o mesmo de cada vez, xa que a grande variedade de labores  precisan de enfiados diferentes. As teas novas anóanse fío a fío no remate das vellas, evitando o pesado traballo de enfiar.

Unha boa tecelá ten varios vestidos “ pois mira eu tiña dous para o lenzo, outros dous para estopa, uns mais anchos e outros mais estreitos, un para o repaso, un para as mantas de lá, outro para as alforxas e as xerghas dos cabalos e outro para o candil”.

Polo regular os peites non eran feitos pola tecelá, era un oficio especializado, aínda que atopamos algún caso nos que si os facía ela mesma “ Comprábanse na feira”  “Había un home que os facía e había que encargarllos.”  “Os peites fíxomos o carpinteiro que me fixo o tear..”.

Están feitos na súa totalidade de canas “do país”, de canaveira ( Arundo Donax).  As cabezas son de calquera madeira e todo o conxunto vai prendido cun cordón de liño de varios cabos e encerado. O grosor do cordón varía en función da densidade do peite.

Nunha das cabezas  aparece representado en números romanos o número do peite. Este indícanos o número de cadillos (ducias de pugas) que leva , se ben o longo e a densidade depende de cada zona. Así un número XXXIII non ten a mesma  densidade nin a mesma lonxitude en Bergantiños que en Viana do Bolo.

O que si é norma xeral no común das zonas é que os peites de numeración baixa levan menos fíos, polo que a densidade de urdime é menor e os de números mais altos maior densidade. Atopamos peites que van dun ancho de 55cm ata o 1,20m.

20160422_172154
A unión das pugas co cordón

A numeración vai desde o XVIII ata o XXXXXVIII.

Para a súa elaboración recóllense as canas  nunha lúa vella de inverno ( a mellor a minguante do mes de xaneiro), póñense a secar nun lugar enxoito pero ao mesmo tempo ventilado. Logo córtanse as canas en lamias do alto e ancho do que queremos facer cada puga e  unha  por  unha vanse labrando por unha mostra. Se queremos facer un peite do nº 40 por exemplo, temos que labrar un total de 482 pugas, xa que as extremas van dobres.

Estes non coñecen a obsolescencia programada. Como todo o feito a man está pensado para que dure e se poida reparar en caso de rotura. No caso de que unha puga rompa tecendo, o sistema está pensado para poder sacala e repoñela por unha nova, que terá de ser labrada idéntica á outra.

20160422_172002
Remuda dunha puga

Algún segredo mais teñen os peites que xa vos iremos contando.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s