Tecedeira dos amores

A Sra. Celia foi aprender a  tecer de moi nova “ e tería uns 16 anos”, á casa da Sra. Preciosa a Quintillán “ non che era eu sola. Eramos unhas catro ou cinco aprendendo, e viviamos alí. Teciamos de noite, meu fillo. De día había que traballar para a casa : ir ó toxo, atender a facenda,…”.

Aínda pagando a aprendizaxe con traballo conta que levaba parte da comida da súa casa “cando se facía o caldo cada unha botaba a súa carne. Eu viña á casa cada mes ou así, buscar unha bola de pan e algo de carne”.

 Ao pouco de rematar a súa aprendizaxe a Sra. Celia xunto coa súa mestra a Sra. Preciosa e algunhas mozas máis, capitaneadas polo entón alcalde do seu concello, participaron na Feira Internacional del Campo de Madrid aproximadamente nos anos 50, levando con elas no coche de liña o tear e o liño para ensinar todo o proceso “ estivémosche alí dous meses, con todo pagado e ganando dúas pesetas ó día”.

 O tear da Sra.Celia fíxollo un veciño, o carpinteiro da casa de Xan “ levoulle dous meses facelo, de castiñeiro. El facía tamén os peites”. Na zona había teares de diferente ancho: uns estreitos para tecer o lenzo e uns anchos para as colchas. A peculiaridade das colchas tecidas nestes teares é que están feitas dunha soa peza (aproximadamente dúas varas). “ eran moi anchos, pero aínda así teciamos neles unha sola e  para lanzar a zoquiña había que estirar ben os brazos.

DSCN5113
Colcha de farrapos e lá tecida en levantado

 A Sr.Celia xa non teceu repaso. Lembra que a Sra. Preciosa sabíao tecer, pero ela só teceu liso e levantado.” Esta colcha de repaso que teño aquí foi tecida na casa do Xastre. As tecedeiras que a fixeron fóronse para Arxentina sendo este meu home un neno. Igual xa leva cen anos feita…”

DSCN5103
Colcha de farrapos tecida ao repaso.

Estando na exposición da Casa de Campo pasou por alí un mozo que lle preguntou o que estaba facendo” e eu díxenlle que estaba cosendo unha sábenas. Entonces foi el é díxome: esas son das que pican nas pernas. Aínda estivemos un anaco falando”. Xa de volta, un día apareceulle á saída da misa. Acabaron casando.

 Fálanos do levantado con agullas, dos 15 días que estaba o liño no río, da lúa de verán na que hai que sacar as colchas ao sol para que non lle entre a couza e do importante que é non gardalas húmidas.

 A Sr.Celia quedou viúva con 26 anos. Foi entón cando deixou de tecer. O home co que despois compartiu a súa vida, cóntanos que lembra escoitar dunhas mantas de lá que despois de tecidas “levábanse a un muíño que se chamaba batán” para que quedasen máis tupidas. “ eu xa non as vin, pero ouvino  contar”. É o que ten a memoria dun pobo: sempre escoita.

 Cando cambiou de casa, a Sra.Celia deixou o tear na casa materna. Eran tempo difíciles “ e o meu cuñado pediumo para desmontalo e coa madeira botarlle as escaleiras á palleira

Canta pena tiven por el

A Sra.Celia ten a dozura das rosquillas que nos ofrece antes de coller camiño.

2 comentarios en “Tecedeira dos amores

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s