Tecedeira de xardíns

DSCN5671

A Sr.Mercedes casou na aldea de Negreiros. Foi para unha casa na que había dous teares en funcionamento, o que  non lle era descoñecido xa que na que ela se criara tamén había un.

As que tecían na casa eran súas cuñadas, si ben ela seguiu tecendo cando estas deixaron de facelo “ ai ti vai pro tear se queres,pero a min non me dighas dir, nin que che vaia axudar a urdir nin a nada” dicíalle unha delas.

 Cos seus 93 anos, xa lle costa enfiar e tecer as palabras.

 A Sr. Mercedes cóntanos moito co xeito co que mira os traballos feitos da súa man, e  cada recuncho da súa casa sentencia o que foi o seu oficio.As rodas de colgar os lizos gastadas de tanto xirar esperan  a que alguén as vexa e se doia delas, un caneleiro dos mais bonitos que vimos, arrimado a unha parede, adoece do seu esquelete e o picote de raias sigue esperando o cabalo para o que foi feito. O restrelo, as espadelas….

Na casa conservan dous teares “ o que temos desmontado é mais estreito, era para o lenzo, e este que ves é o das colchas” coa súa urdideira “si, tiñámola enrriba, era desas que daba voltas.Cando eu era rapaza subía nela e daba voltas coma nos caballitos”.

 A súa filla Amelia non se desfixo de nada, conserva todos os aparellos e pezas dos teares e de traballar o liño “ non sabemos para que sirven mais da metade das cousas,  pero teñen o seu valor, son delas, e nós gardámolas”.

 As pezas de lenzo que conservan  son dunha finura exquisita.O liño traballado na súa casa, co que foron tecidas, case vale para coser “ é fino por que é lenzo…o liño sementabámolo a canda o millo,….”.

 Chegamos a contar 20 perchadas de lizos cos seus respectivos peites que van desde o nº  XVI ata o XXXXXII.Isto da  boa fé da variedade de tecidos que facían e dos que poidemos dar conta: lenzo,estopa, colchas de levantado e de repaso, picote ,…

 “Que pena me da que non me ensinara a tecer” – di Amelia. “Téñollo dito, pero ela sempre me dicía: anda, anda, sácate deso! Meterme no tear  foi a miña ruina….Así estou eu,..así teño este meu corpo arruinado. “,…e case non cobraba nada.”

 A Sr.Mercedes teceu mares e xardíns que cubren os sonos dos da casa os días da festa “ as colchas gústame poñelas nas cama,así en días señalados”.

En xaneiro deste ano 2016, cansada de tecer unha vida, a Sra.Mercedes decideu descansar.

 Moitas grazas Sra.Mercedes, xa sabe vostede polo que.

2 comentarios en “Tecedeira de xardíns

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s