O aterciopelado

img_20160816_1851251Na cerna dunha montaña hai unha aldea, e na aldea unha casa, na casa una arca e na arca un tesouro : o tecido aterciopelado ”mentres haxa arcas aínda hai quen dea razón das cousas”.

En Galiza teceuse o terciopelo en zonas moi concretas. Aínda que é un tecido facilmente confundible coa felpa cortada ou levante espeso, moi pouco teñen que ver.

Unha das zonas nas que se teceu son as terras nas que se unen os concellos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso e A Veiga. Na súa procura calquera se pode sentir un Indiana Jones do tecido, xa que é un pano que se deixou de facer hai moito tempo “ si, a mamá teceu muito diso si, eu non, eu sei o que é de verllo tecer a ela, si…..mira ti onde vai iso, que xa eu vou facer 84 anos i era unha rapaza”. Aínda así, din que quen busca sempre atopa, e os que atopamos agradedecemos a mancheas a quen quixo e gardou tesouros caseños nas arcas perdidas “ miren xa vou eu con ustedes preguntar alí a unha casa. Eu ben sei que cando unha vai a algún sitio a que lle dean razón das cousas sempre fai falta quen axude”.

Hai xa uns dez ou doce anos un amigo arquitecto ensinounos unha foto que fixera por casualidade dun tear coa súa tecedeira ao carón. O tear contaba cousas diferentes doutros que levabamos visto.

Para tecer o aterciopelado trabállase con dúas e tres urdimes, polo que os teares nos que se tecía son facilmente recoñecibles, por ter dous e tres orgos na parte de atrás ou o sitio feito para eles. Dous orgos empregábanse para tecer os panos dunha soa cor ou a raias e tres para tecer os que facían cadros.

img_20160818_105812

Logo de dez ou doce anos cun posible mapa do tesouro na memoria, de xeito casual achegámonos ás montañas do concello de A Veiga na procura do tear daquela imaxe. A tecedeira, a Sra. Camila, xa facelera había tempo e a casa estaba pechada.

O pano aterciopelado empregouse basicamente para confeccionar colchas, aínda que tamén nos dan razón de que se usou para facer prendas de abrigo “ e non te acordas que teu padriño tiña unha chaqueta aterciopelada,….era negra,….non sei onde ela irá”, sobre todo chaquetas e chaquetóns para os homes.

Os materiais que se empregaban para o seu tecido eran os básicos do resto de tecidos: liño e lá “ si,si,…o orgo no que se poñía o liño era o de baixo e a la nos de riba, si….”. As colchas aterciopeladas eran das máis apreciadas.

Un ano despois da última estadía, as terras da Veiga acolléronnos novamente, e unha cadea humana púxonos diante do rehabilitado taller da Sr. Camila, chave na man. E foi nel onde a arca perdida nos desvelou os segredos do aterciopelado que xa non contabamos poder ver nalgures “ o frio que pasou aquí esta muller no inverno, con aquel braseiriño namais…..esto non vos esta coma daquela. Víase o día entras pedras da parede”.

O terciopelo técese con tres ou catro lizos. A lá vai enfiada nos lizos de atrás e o liño nos dous de diante. O pente que atopamos enfiado para os tres lizos é do número 22 nun ancho de 67 cm. Ten enfiados en cada puga dous fios de liño e un de la.

Para o seu tecido empréganse unhas varillas feitas de metal ( as que atopamos son de ferro e cobre entre 67 e 79 cm) e un pequeno coitelo para cortar o pelo “ eses facíanos os latoeiros”.

Para poder tecelo ábrese unha calada na que os fios de liño quedan por debaixo e os de lá por riba. É entón cando se introduce unha varilla co canal cara arriba. Danse despois unha ou dúas pasadas de lanzadeira e de novo ábrese a calada co liño por baixo e a la por riba para introducir outra varilla. ”si, pra cortar o pelo tiñas que ter postas varias varillas e logo ias cortando e sacando as de atrás, si….acórdame de velo si,…”. Unha vez que a lá quedou levantada polas varillas, pásase o coitelo polo canal da barilla e o pelo queda cortado.

A Sr. Camila posiblemente fora a última tecedeira  das colchas aterciopeladas do noso país. Vaia o noso recoñecemento para ela por encher as arcas de sabiduría, e deixárnolas así, nas maus, coma un meniño que recén chegado a este mundo respira por vez primeira.

Ouro moído

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s