A tecedeira mestra

A Sra. Dolores  é o eixe sobre o que anda unha casa  “Miren pasen por aquí. Ela cóstalle andar, non saben, xa ten 95 anos”. Sentada detrás da cociña de ferro, atopámola lendo envolta naquela luz primaveral que o sol lle troca polo seu sorriso e que entra ás carreiras pola xanela que ten ás costas.

20160328_190018

 De nena pasou a guerra.

Foi tecedeira desde moi nova “ mandoume meu pai a aprender a tecer o  liso a unha aldea que lle chaman o Ferrón”. Cando xa sabía algo unha veciña convenceu ao pai para que ela seguira aprendendo “mira tes que mandar a Delores a aprender a tecer as colchas. E alá fun.”.

20160420_200128
Colcha tramada con tiras de medias

Na súa casa chegaron a ter tres teares “ o primeiro mercámosllo a un carpinteiro e por ese xa fixo meu pai os outros e foinos mellorando”. “Tamén fixo unha fiadora. Tiña unha tapa, que ao poñerlla facía de mesa, xa podías poñer o plato enriba”.

 A Sr. Dolores criba as palabras e éncheche as maus de graus de memoría limpiños coma o pan.

 Teceu liso, no lenzo e na estopa, o candil e as xerghas para os arrieiros, o repaso de ollos, o ringo-rango, colchas de levantado e farrapeiras, mantas e cobertores de lá “as mantas podían levar 2 libras e media de lan, había quen non tiña a lan e quería a colcha, 4 libras ou 6 libras” ,alforxas “ fixen unhas moi bonitas. Un primo noso de Arzúa, que vendía queixos na feiras empeñouse nelas. Eu non llas quería vender, pero para que non se enfadara,…Aínda non me pagou por elas o que me costou o material de facelas”. Así os pentes que empregou van do número 18 ao 40 “o das mantas que eran pra levar ao batán tiña o ancho do tear”.

 Cando tinguía ela a lá para as colchas “ levaba moitos días, ó millor tiñas que teñir de 5 ou seis colores. Traía meu irmau un carro de leña e na semana xa o tiña acabado”.

20160328_190323
Colcha tecida ao “ringorango”

 Aquí viñeron aprender moitas mozas” di a súa irmá Manuela “ pero xa aló van todas”.

 As dúas irmáns dannos boa conta de todos os procesos téxtiles que desenvolvían, dende a obtención de fibras ata o tecido e acabados finais. “ a liñaza tiña que durmir na terra a ultima noite do mes de maio”. ”Ao sacar o liño de cocelo hai que ter moito coidado que non lle dean correntes de aire, que despois parte” ” A quen se lle diga que dunha roupa vella se pode facer unha colcha nova”.

 Cóntanos do fio de algodón procedente da fábrica de fiados e tecidos de algodón de Présaras, e que se vendía ao estraperlo “ o fio era dun cabo e había que o  torcer varios nun

 “Daquela ganaba unha tiñada. Dou reás por cada vara de pano e cada 20 un ferrado de centeo. Colchas non vendín  ningunha por mais de dez pesos”. A súa vida pasouna entre os paus do tear “ cando me levantaba xa me poñía a tecer e paraba para tomar as des. Despois volvía ata a hora de xantar. E despois de comer ata polo menos as dez da noite.”

20160420_200117
Estopa

 Lembran aínda de ver os homes vestidos con cirolas “ a un irmao noso fixémoslle unhas. Estrenándoas foi na besta ao batán a Mezonzo. Tan pronto como chegou de volta quitounas e púxose a refregalas coma quen tasca na cabezalla do carro de duras que estaban e tanto que o picaban” .

 Unha tarde con elas dura un suspiro. A súas palabras son doces envolveitos nun sorriso permanente.

 Ao marchar,a Sra. Dolores agasállanos o seu corazón nunha man “ volvan cando queiran. Mentres eu viva esta miña casa é tamén a súa”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s