As tecedeiras do Añón

img_20161029_100656

 Eran veciñas, mulleres  e tecelás, labor que compaxinaban con outros oficios. A Sra.Clemencia co traballo na terra ao xornal “ eu cando andaba ao xornal era coma un home rozando e cavando. Agora, tamén o era comendo na carne” e  a Sra.María de Rosa co de taberneira.

Clemencia aprendeu a tecer de rapaza. Farta de ver como o oficio de tecelá cada vez lle daba menos cartos, decidiu botarse a facer pieites. Seu pai fora carpinteiro e partes do oficio non lle eran de todo alleas “ ai  os pieites lévanche o seu traballo”. Facía neles mentres andaba cunha cuxa a pacer pola corda “ labraba as pughas cunha navalla vella de facer a barba  ben moída, e despois íbao armando así prendido debaixo do brazo,ves?”. Se o pieite era da estopa leváballe o día, do lenzo día e medio. Despois ensinoullos a facer a María.

 Os pieites vendíaos na feira. Por cada un cobraba 10 ou 12 pesos “ nena se queres  que che lle bote canaveiras das boas hanche ser 15 pesos. ” dicíalle ás clientas.

 Muller creativa e innovadora sustitueu o acabado de cera das cabezas dos pieites por un novo produto que ela inventou feito “ da recina dos piñeiros mesturada con aceite”. Hoxe entraría dentro do chamado I+D+I.

img_20161029_100343

 Morta coa risa contábanos daquela tea de estopa “ ai meu fillo, trouxeron estopa pra unha tea de alomenos 40 varas”. Botouse a urdir e non seu dou conta que a estopa viña fiada unha máis grosa cá outra, e non tivo o coidado de mesturala “a tea abulataba no orgho  máis dun lado ca do outro e ó tecer dou en facer uns volantes! Aquelo metía medo. Eran coma os volantes da saia dunha bailarina desas que salen na televisión.” E con medo foilla levar á clienta a un lugar de Lemaio “ eu así a todo moi contenta non iba”. A sorte acompañouna e deuse a casualidade que tamén estaba na casa a costureira que ía traballar coas pezas “ bueno nena! Ti tate tranquila, que conforme veu esta xa viñeron máis! E non ha ser a última! ”.

 A Sra. María a taberneira tiña o tear nun cuberto feito diante da casa,alumeado pola luz do sol que entraba a feixes pola grande xanela. Contaba do liño dunha casa de Sinande en Sofán que a pouco máis non puido tecer “partía todo, meus fillos,e sabedes vos de que? de blanquealo co raio da lejia”, e da colcha de cadros que lle levaran e nin ela nin ningunha das tecelás da volta sabían enfiar “ fun para a cama matinando no conto e non durmía, alí veume á cabeza como era”

 Os pieites e  vestiduras da Sra.Clemencia e  Sra.María de Rosa seguen tecendo, pero xa non pola súa man. O tear da Sra.María, como tantas outras pezas de múltiples oficios,pasaron a mans de outras persoas, que na maioría dos casos as coidan con grande agarimo,pero que dá magoa ver aparcadas contándonos os segredos dos tempos de traballo, esperando a nada.

img_20161029_100343

 O Añón xa  perdeu as súas tecelás fai anos, a memoria non.

2 comentarios en “As tecedeiras do Añón

Deixar un comentario