BATÁN/PISÓN/FOLÓN

Os batáns son uns enxeños hidráulicos nos que unha roda movida por unha corrente da auga acciona uns mazos de madeira que moven e golpean o tecido mollado, coa finalidade de que éste empane e se volva máis compacto “ este ven de moi  vello. Seica o fixeran os frades do mosteiro”.

 En Galiza, na actualidade, consérvanse xa en moi pouco lugares: Mezonzo (Vilasantar), Oa (Trazo), Mosquetín (Vimianzo) , Folgoso (Xermade), Alfoz,…se ben xa ningún deles está en condicións de traballar e os que foron restaurados, moi ao noso pesar, só se dedican a un fin turístico. Ata mediados do século pasado traballaron tamén en Raigada (Manzaneda), Fornelos de Filloás (Viana do Bolo), Golán (A Laracha), Verdes (Coristanco)…

O oficio de bataneiro/a  caeu en desuso en Galiza aló pola década dos anos 50/60, co abandono definitivo das produccións domésticas que trouxo consigo a popularización de novos produtos téxtiles industriais asequibles.

Os tecidos que se levaban a bater eran fundamentalmente de lá e daban lugar ao o burel ou saial, a xerga e as mantas e cobertores. O burel empregábase para a confección de pezas de roupa principalmente masculina de abrigo: capas, capotes para os pastores, polainas… A xerga  empregábase na confección de roupa tanto masculina como feminina: refaixos, pantalóns e chaquetas…. As mantas podían baterse en peza e despois confeccionalas ou bater as mantas xa elaboradas (cos diferentes panos xa cosidos, e desta forma facerse as costuras imperceptibles).

 Nalgunhas zonas coma na montaña da  Coruña tamén se batía un picote tecido para este fin.

Falando coas últimas persoas que se dedicaron a este oficio, vemos que aínda que o proceso de pisado é moi uniforme, sofre pequenas variacións en canto á duración ou á temperatura da auga coa que se facía o proceso “ aquí sempre se bateu con auga fría”. En Raigada, por exemplo, no propio  batán tiñan unha caldeira de cobre para quentar a auga provinte do río, cun sistema por gravidade que xa a vertía lentamente no pano depositado na pía.

20160328_165136
Pía ou cuba

Se o batán non tiña carga de traballo para todo o ano, marcábase unha tempada concreta na que o batán traballaba todos os días “ aquí batíase de febreiro a xuño, mentres no rio había auga suficiente  para movelo”. Moitos bataneiros traballaban vinculados a unha feira onde recollían as teas e as devolvían elaboradas “aquí en Sofán botabámoslle ás teas nunha beira uns fíos de color para conocer cada tecelana as súas das outras, levábanselle ó bataneiro á feira a Peisaco e viñan de volta batidas para a seguinte feira”

O enxeño precisaba dunha carga mínima para poder poñelo en funcionamento e que os mazos puideran  virar contínuamente o tecido que se introducía nel “este pra poder bater fanlle falta mínimo unhas 30 ou 40 varas de tea”.

20160328_173329
Batán de Mezonzo ( Vilasantar)

 Cando chegan as teas, mídense e introdúcense na pía ou cuba e ponse o batán en funcionamento. Deixase correr a auga para a pía coa finalidade de que as teas se mollen, xa que a tea durante o proceso ten que estar mollada. Coa acción dos mazos as teas están en continuo movemento, xirando sobre si mesmas, o que é conseguido grazas a unhas estrías labradas na cabeza dos mazos “estas hbíaas que labrar de novo cada ano que se gastaban” e á parte cóncava da parte traseira da pía.

 Cada tea tiña que permanecer baténdose entre 24 e 36 horas. Este tempo depende de varios factores: a torsión coa que foi fiado a lá,  o apertada  que fora tecida “as mantas do batán non poden ir moi apretadas, non. Iban floxas que lle pasaban os dedos”, e a propia calidade da lá.

Posta a tea a bater, había que sacala da cuba cada certo tempo porque o movemento contínuo as enlea e retorce sobre si mesmas. A esta operación na que se colocan de novo chámaselle mudar, virar ou encartar. Ao comezo do batido as viradas teñen que desenvolverse nun curto período de tempo, como cada dúas horas, xa que as teas tenden a pegarse se baten sempre na mesma postura   “xa nos ten pasado de ter que despegar algunha cun coitelo” . Para poder encartar párase o batán, e vaise sacando a tea da cuba entre dúas persoas, estirándoa polos lados e pregándoa para despois volver  a introducila. Nas últimas viradas volvíase  a medir, para poder calcular o que lle faltaba e que a peza non quedase pequena.“un criado que tivemos aquí na casa, dunha volta meteu uns calcetíns de lá dentro pa que se lle lavaran e cando os sacou collíanlle na punta dun dedo”.

20160328_182105
Anaco dunha manta pisada no que aínda se pode apreciar a textura da costura

Cantas bestas teñen vido cargadas de teas polo seu tempo

2 comentarios en “BATÁN/PISÓN/FOLÓN

  1. Na zona de Calvos de Randín os homes das diferentes parroquias recollían todas as teas que compría mazar e ían, polo antroido, ao folón que había na Boullosa. Levaban comida pra varios días e axudábanse de bestas e machos pra transportaren a carga.

    Liked by 1 person

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s