“ arriba pequeniñas, arriba… veña miñas bonitas,……reinas da miña casa,…ala” faláballe a Sra. Argentina ás vacas subindo co carro cargado de herba pola Costiña. Ela fiaba palabras para o seu gando, pero non só palabras se teceron para cubrir os animais.
En Galiza teceuse para as persoas, para as casas ….pero tamén para os animais. E non por iso son tecidos mais pobres ou menos coloridos ou con deseños mais simples.

Así tecéronse cinchas para suxeitar os aparellos das cabalarías “ta calado,…hoxe da lástima ver as caballerías coas barrighas rascadas desas correas que lle poñen. Aquelas cinchas que se facían no tear, aquelas non lastimaban nada os animales,…..”.” a mamá xa tiña uns lizos e un pente estreitiño pras facer, non sabes, co debuxo ighual o do aparello”.

Un dos produtos máis elaborados e demandados eran as alforxas. Os deseños e cores varían en función de cada zona “ si, fixen unhas moi bonitas, moi bonitas,….e empeñouse nelas un primo noso que vendía queixos polas feiras e aínda non me dou por elas o que costou o material pras facer” .Todas constan dunha peza longa, do ancho do tear, a que se lle unen nos estremos unhas solapas coas que se fan os petos, aos que finalmente se lles engade unha tapa. Adoitan ser de picote, forradas por dentro doutra tea, regularmente de estopa ou outro pano calquera “moitas alforxas ten tecido mamá pros arrieiros,… e sacáballe bos cartos. Por dentro estaban forradas de estopa. Tan bonitas eran as alforxas coma o cadrelo de remate que lle facía con dúas aghullas…..e levaban uns bodoquiños na punta”.
Na zona de Manzaneda ao conxunto da manta e as alforxas chamábanlle o aparello. Adoitaban ir os dous elementos tecidos a xogo, co mesmo deseño e as mesmas cores. Nesta zona, na que o gando ía xunguido á molida, facían tamén no tear unha especie de fleques de cores chamados perindengues, que colgados da molida lle caían ás vacas e aos bois por diante dos ollos coa finalidade de tornarlle as moscas deles.
As mantas das cabalerías, as que nalgunhas zonas como Bergantiños e Vilasantar coñecen co nome de xerghas “ si teciamos as xerghas pros cabalos” tamén adoitaban ser de picote. O colorido co que foron feitas anima a imaxinar o que sería ver unha feira da época, con todas esas cabalerías cubertas de cores. De picote tamén eran feitas algunhas mantas que se empregaban para cubrir as vacas.

Aínda que non son un tecido especifico para usar nos animais, os sacos merecen unha mención especial neste apartado. Xeralmente eran feitos de estopa ou tascos. Poden ser dunha soa cor ou ter intercaladas raias doutras cores: vermellas, azuis, negras, castañas,…..Moitos nun extremo da boca teñen un ollal no que se prendía o costal de amarralos.
“Daquela había un mozo dalí daquelas casas, que pasaba sempre dacabalo,…….eu nunca lle tiven lei,……pero moi bonita era aquela manta que levaba, dos colores dos toxos….”