
Inma, do Gaseosas de Monterroso, tivo a ben xuntarnos unhas pezas que tiñamos interese en ver e documentar. Pasamos unha tarde estupenda, na súa compaña, estudando as pezas, debuxando, medindo, anotando…e nun intre veu a conversa unha colcha que tiñan na casa.
–Querédela ver? Se queredes, aviso a miña nai que a traia.
Como fala o dito, dille ao cego se quere ver. Xa a chamou no momento.
–Ah….pois eu pensei que era unha colcha. Bueno, ti traino igual.
A nai de Inma chegou, e enriba dunha mesa de ping pong do antigo colexio, estendeu o mantel.
” Miña avoa chamábase Dolores Estraviz García, Dolores do Conde, de Olveda. Súa madriña Balbina, de Cibreiro, en Antas de Ulla , regaloulle este mantel polo casamento. A avoa estaba emigrada en Cuba e nunha das veces que veu levou o mantel para alá. Xa cando en Cuba a cousa se complicou e tiveron que volver, solo lle deixaban sacar 5 pezas de roupa. Ela, plisou o mantel e fixo con el unha saia para podelo traer de volta. O mantel volveu de Cuba no ano 65. Aínda lle quitei eu o plisado e volvino coser de novo“.

Dolores, deixou ao seu home, Victor Ferreiro, enterrado na Habana, no cemiterio de naturais de Santa Marta de Ortigueira.
Venme á cabeza aquela copla que cantaba a Sra. Argentina, nas rúas da noite cando era nova:
“Estrellita solitaria
de la bandera cubana
cuando te veré brillar
en el muelle de la Habana”.
Catro xeracións, sentadas á mesa.