Inma, do Gaseosas de Monterroso, tivo a ben xuntarnos unhas pezas que tiñamos interese en ver e documentar. Pasamos unha tarde estupenda, na súa compaña, estudando as pezas, debuxando, medindo, anotando…e nun intre veu a conversa unha colcha que tiñan na casa. Seguir lendo “Panos da memoria”→
“Muta merda é o que teño, muta merda,….que ensinar pouco” ,foron as primeiras palabras que escoitamos de boca da Sra.Delia. As que seguiron de rabia cara a clase política por permitir que o seu monte e o seu pobo estean arruinados. Ela, con 86 anos, manifesta que xa non vai ter oportunidade de dicirlles catro palabras, nin de queimar vivo a mais de un “miren,… neste pueblo había dous magotes de 400 ovellas, e unha cabrada de 700 cabras, collíase pan, sementábase liño,….e hoxe ver este noso monte arruinado,….”.
Eran veciñas, mulleres e tecelás, labor que compaxinaban con outros oficios. A Sra.Clemencia co traballo na terra ao xornal “ eu cando andaba ao xornal era coma un home rozando e cavando. Agora, tamén o era comendo na carne” e a Sra.María de Rosa co de taberneira.
Clemencia aprendeu a tecer de rapaza. Farta de ver como o oficio de tecelá cada vez lle daba menos cartos, decidiu botarse a facer pieites. Seu pai fora carpinteiro e partes do oficio non lle eran de todo alleas “ ai os pieites lévanche o seu traballo”. Facía neles mentres andaba cunha cuxa a pacer pola corda “ labraba as pughas cunha navalla vella de facer a barba ben moída, e despois íbao armando así prendido debaixo do brazo,ves?”. Se o pieite era da estopa leváballe o día, do lenzo día e medio. Despois ensinoullos a facer a María. Seguir lendo “As tecedeiras do Añón”→
A Sra. Dolores é o eixe sobre o que anda unha casa “Miren pasen por aquí. Ela cóstalle andar, non saben, xa ten 95 anos”. Sentada detrás da cociña de ferro, atopámola lendo envolta naquela luz primaveral que o sol lle troca polo seu sorriso e que entra ás carreiras pola xanela que ten ás costas.
A Sr.Mercedes casou na aldea de Negreiros. Foi para unha casa na que había dous teares en funcionamento, o que non lle era descoñecido xa que na que ela se criara tamén había un.
As que tecían na casa eran súas cuñadas, si ben ela seguiu tecendo cando estas deixaron de facelo “ ai ti vai pro tear se queres,pero a min non me dighas dir, nin que che vaia axudar a urdir nin a nada” dicíalle unha delas.
A Sra. Celia foi aprender a tecer de moi nova “ e tería uns 16 anos”, á casa da Sra. Preciosa a Quintillán “ non che era eu sola. Eramos unhas catro ou cinco aprendendo, e viviamos alí. Teciamos de noite, meu fillo. De día había que traballar para a casa : ir ó toxo, atender a facenda,…”.
Aínda pagando a aprendizaxe con traballo conta que levaba parte da comida da súa casa “cando se facía o caldo cada unha botaba a súa carne. Eu viña á casa cada mes ou así, buscar unha bola de pan e algo de carne”.
Ao pouco de rematar a súa aprendizaxe a Sra. Celia xunto coa súa mestra a Sra. Preciosa e algunhas mozas máis, capitaneadas polo entón alcalde do seu concello, participaron na Feira Internacional del Campo de Madrid aproximadamente nos anos 50, levando con elas no coche de liña o tear e o liño para ensinar todo o proceso “ estivémosche alí dous meses, con todo pagado e ganando dúas pesetas ó día”. Seguir lendo “Tecedeira dos amores”→
Cada unha suma tantos anos, coma cadillos dous peites do lenzo: pasan dos noventa. Aínda así atopámolas enriba das esprimideiras do tear, tecendo de pé.
Son dúas pedriñas de acibeche engarzadas naquela aldea da Baixa Limia, de loito completo e pano á cabeza.
Sra. Elisa e Sra.Encarnación comparten o tear, que fora propiedade dunha tía da Sra. Elisa. Veu medrar a quen hoxe tece nel, pero segue cumprindo a súa labor coma se rematara de ser estreado. Se ben o tear é da Sra. Elisa, a que sabe frechar os peites para cada labor é a súa compañeira, á que a vista se lle volveu “unha preguizana”.Seguir lendo “Raianas”→
Estas dúas mulleres son o corazón dunha montaña, e nos enterrámonos nel coma nunha braña.
Elas son veciñas da porta, nacidas e criadas na mesma aldea, que foi posta por unhas mans que sabían, no medio da Serra do Candán.
As dúas son tecelás de raza. Son do tempo no que as cousas se facían coas mans e se contaban co corazón.
Unha comezou a tecer cando foi quen de aguantarse de pé nas premedeiras do tear.”Vai tecer un pouquiño,miña meniña” -dicíalle súa nai cando viña da escola.Conta da besta cargada de teas que cada mes levaban á feira a Soutelo “mira se ía cargada que non podía ir ninguén dacabalo”, e vir de volta con ela cargada de material para volver tecido á seguinte feira: colchas de levantado, farrapeiras, teas de picote “ coas que se acochaban os meniños”, lenzo, estopa.
Ensínanos dos freques das mantas: o sinxelo, ode piña que leva unhas mazanciñas,….e das rocas que locen o cartiloxio máis bonito. Seguir lendo “As tecedeiras da serra”→