Batáns de Servia ( Lousame).

IMG_20170803_171528
Manta do batán

Na casa do Regho, propiedade da familia Cés, sempre houbo batán “ xa o meu bisabuelo, José Cés Cés trataba niso,…fundou a marca de Telares de Servia”.

O batán deixou de funcionar aló polo ano 56 “ antes da minicentral que fixeron no ano 20 o batán andaba todo o ano. Despois quedou sin aghua e batía solo no inverno. Para non mover o batán de sitio, como fixeron cos muiños do lughar, e compensar a perda, dábanlle unha pagha ao meu abuelo”.

Seguir lendo “Batáns de Servia ( Lousame).”

Tecidos para os animais

arriba pequeniñas, arriba… veña miñas bonitas,……reinas da miña casa,…ala”  faláballe a Sra. Argentina ás vacas subindo co carro cargado de herba pola Costiña. Ela fiaba palabras para o seu gando, pero non só palabras se teceron para cubrir os animais.

En Galiza teceuse para as persoas, para as casas ….pero tamén para os animais. E non por iso son tecidos mais pobres ou menos coloridos ou con deseños mais simples.

IMG_20160818_121444
Detalle dunha alforxa

Seguir lendo “Tecidos para os animais”

BATÁN/PISÓN/FOLÓN

Os batáns son uns enxeños hidráulicos nos que unha roda movida por unha corrente da auga acciona uns mazos de madeira que moven e golpean o tecido mollado, coa finalidade de que éste empane e se volva máis compacto “ este ven de moi  vello. Seica o fixeran os frades do mosteiro”.

 En Galiza, na actualidade, consérvanse xa en moi pouco lugares: Mezonzo (Vilasantar), Oa (Trazo), Mosquetín (Vimianzo) , Folgoso (Xermade), Alfoz,…se ben xa ningún deles está en condicións de traballar e os que foron restaurados, moi ao noso pesar, só se dedican a un fin turístico. Ata mediados do século pasado traballaron tamén en Raigada (Manzaneda), Fornelos de Filloás (Viana do Bolo), Golán (A Laracha), Verdes (Coristanco)…

Seguir lendo “BATÁN/PISÓN/FOLÓN”

A penda

Quen pasou as súas horas no monte coas vacas, a carón do lume no inverno, ás tardiñas ao pé da porta……. labrando tan fermosa peza? Foi agasallo para unha namorada, para unha irmá, unha nai, unha veciña….? O que si é ben seguro é que a penda conta do cariño co que foi feita e nela  labráronse  mensaxes segredas coa punta da navalla e dun corazón afiado.

img_20160817_171647

Seguir lendo “A penda”

O aterciopelado

img_20160816_1851251Na cerna dunha montaña hai unha aldea, e na aldea unha casa, na casa una arca e na arca un tesouro : o tecido aterciopelado ”mentres haxa arcas aínda hai quen dea razón das cousas”.

En Galiza teceuse o terciopelo en zonas moi concretas. Aínda que é un tecido facilmente confundible coa felpa cortada ou levante espeso, moi pouco teñen que ver.

Unha das zonas nas que se teceu son as terras nas que se unen os concellos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso e A Veiga. Na súa procura calquera se pode sentir un Indiana Jones do tecido, xa que é un pano que se deixou de facer hai moito tempo “ si, a mamá teceu muito diso si, eu non, eu sei o que é de verllo tecer a ela, si…..mira ti onde vai iso, que xa eu vou facer 84 anos i era unha rapaza”. Aínda así, din que quen busca sempre atopa, e os que atopamos agradedecemos a mancheas a quen quixo e gardou tesouros caseños nas arcas perdidas “ miren xa vou eu con ustedes preguntar alí a unha casa. Eu ben sei que cando unha vai a algún sitio a que lle dean razón das cousas sempre fai falta quen axude”. Seguir lendo “O aterciopelado”

Tecido Bergantiñán

IMG-20160714-WA0000

En Bergantiños, o mesmo que noutras zonas de Galiza, tecéronse diversidade de panos para cubrir as diferentes necesidades que podía ter unha casa. Pero se hai algo que identifique e diferencie o tecido desta zona do do resto do país foi a maestría que as súas tecelanas tiveron para labrar na brancura texturas e sombras.

 A tía Carmela das Maroas xa nos daba conta do seu saber hai alomenos uns 30 anos “ si, técese coas tres premedeiras.  Pra iso tes estes tres lizos. O de diante é o caporal, e leva o doble de cadeas cós outros. É o que manda”. Seguir lendo “Tecido Bergantiñán”

Lizos

IMG-20160609-WA0003
Feitura de lizos no banco

Os lizos son a alma do tear. Gobernados polas premedeiras pintan debuxos e filigranas nos tecidos, en función dos enfiados que se fagan neles.

Tecen melodías  seguindo una partitura que se non se toca  ao milímetro fai que a  obra quede chea de faltas “ aquí haiche que estar moi presente. Mira que se che parte una cadea, ou enfiaches mal e non te das conta, levas una falta e derramóuseche a obra ”.

 Cada lizo está formado por un conxunto de cadeas  cun ollal polo que pasan os fíos da urdime. O conxunto de cadeas vai suxeito a dúas varas de madeira: a superior da que se colgan os lizos das roldanas do tear  e a inferior que conecta cada lizo coa súa premedeira. O xogo que fan os diferentes lizos ao pisar as premedeiras, fai que os fíos da urdime se entrecrucen e abran para pasar a lanzadeira co fío da trama. As múltiples combinacións de subidas e baixadas de cada un dos lizos e o número deles, é o que da lugar aos diferentes tipos de tecidos ou ligamentos. Seguir lendo “Lizos”

Pentes

20160422_171906
Pentes de diferente numeración

Unha das cousas fascinantes que ten o oficio de tecelá ao xeito tradicional é que calquera das ferramentas e utensilios que se empregan no traballo poden ser feitos por un/unha  mesmo/a  con recursos do entorno   “ antes  a xente sabía facer de todo“.

Os pentes, peites, pendes ou pieites son pezas que xunto cos lizos ( dos que falaremos noutro momento) forman as chamadas perchadas, mangas, vestidos ou vestiduras do tear ( podemos dicir que o conxunto é o software do tear). O normal é que cada tecedeira teña un vestido        ( peite+ lizos) para cada labor,  para non ter que andar enfiando e desenfiando o mesmo de cada vez, xa que a grande variedade de labores  precisan de enfiados diferentes. As teas novas anóanse fío a fío no remate das vellas, evitando o pesado traballo de enfiar. Seguir lendo “Pentes”