Batáns de Servia ( Lousame).

IMG_20170803_171528
Manta do batán

Na casa do Regho, propiedade da familia Cés, sempre houbo batán “ xa o meu bisabuelo, José Cés Cés trataba niso,…fundou a marca de Telares de Servia”.

O batán deixou de funcionar aló polo ano 56 “ antes da minicentral que fixeron no ano 20 o batán andaba todo o ano. Despois quedou sin aghua e batía solo no inverno. Para non mover o batán de sitio, como fixeron cos muiños do lughar, e compensar a perda, dábanlle unha pagha ao meu abuelo”.

O batán é do tempo no que un hórreo de millo de dous claros chegaba para pagar as paredes dunha casa.“ atendíano meu pai e unhas tías”.

Na casa tiñan dous batáns, un á par do outro “ o da porta e o de atrás. Con ser ighuales un batía mellor có outro. As teas longas poñíanse no que batía millor e as pezas con faltas ou mais pequenas no outro, as longas nas daba virado”.

IMG_20170803_165607
Unha das canles

As teas chegaban ao batán desde tódolos pobos da comarca. Os bataneiros tiñan varios puntos de recollida das teas aos que as ían buscar sen bater volvíanas batidas tódalas semanas “ en Noia tiñamos dúas casas: na de Castaño e na de Cascallar, onda o convento de San Francisco. Había un home que as recollía cun carro de rodas desas de radios pola parte da Picota e deixábaas en Noia. Outro recollía na Pontenafonso,….e había quen as traía aquí”.

Ás veces era tanta a cantidá que había que ir a buscalas co carro”. A imaxe regalada ao maxín, fainos viaxar no tempo na procura dese carro.

IMG_20170803_171445
O Sr.José fálanos do ancho das pezas

No momento da recollida identificábanse coa marca da casa “ cun coitelo facíalle meu pai uns cortes. O debuxo era o mismo que o que tiñamos pás bestas do monte. Era a marca da casa, vaia,…. Ás veces para atar os feixes xa lle daban un corte á tea nunha cabeza é facían unha amarralla coas puntas”. Na casa xa tiñan un selo para identificar as que eran de cada quen“ sellábase unha peza de coiro que despois se cosía á manta e o mismo nunha peza de cartón que se lle daba ao cliente”.

O batán estaba cuberto con feo e tiña as canles e o sartego de pedra (que aínda conservan na casa dos seus propietarios, xa que foron desmontados fai anos). O pai do actual propietario fixo unha maqueta dos mesmos, que na actualidade se conserva nos Batáns do Mosquetín ( Vimianzo). “ eu estou facendo esta, pa que quede unha mostra do que era”.

IMG_20170803_162142
O Sr.José coa maqueta que está elaborando

Ao batán había que ir cada certo tempo virar as teas, para estíralas e que non se pegaran “ cando se pegaba algunha poñíanos meu pai a tres irmán nunha mesa. Un tiraba por un lado, outro por outro e o terceiro cun cravo dun carro virado na punta iba despegando”.

Moitas veces iban os mozos e as mozas da aldea axudar a subir os feixes de teas”. Na eira da casa xa tiñan uns valos de pedra dispostos para poñelas a secar.

IMG_20170803_171415

Ás veces, de rapaz, ía co ghando para o monte e chovía. Meu pai collía unha manta das pequenas e cosíaa cunhas puntas en forma de carapucho. Mirade, mollada de estar á chuvia todo o día non pasaba a auga. Eu téñoa deixado no monte de tanto que pesaba, pero debaixo estaba seco”.

Escoitar a quen sabe é meter a man nun cesto de liñaza.

Deixar un comentario