As tecedeiras do Añón

img_20161029_100656

 Eran veciñas, mulleres  e tecelás, labor que compaxinaban con outros oficios. A Sra.Clemencia co traballo na terra ao xornal “ eu cando andaba ao xornal era coma un home rozando e cavando. Agora, tamén o era comendo na carne” e  a Sra.María de Rosa co de taberneira.

Clemencia aprendeu a tecer de rapaza. Farta de ver como o oficio de tecelá cada vez lle daba menos cartos, decidiu botarse a facer pieites. Seu pai fora carpinteiro e partes do oficio non lle eran de todo alleas “ ai  os pieites lévanche o seu traballo”. Facía neles mentres andaba cunha cuxa a pacer pola corda “ labraba as pughas cunha navalla vella de facer a barba  ben moída, e despois íbao armando así prendido debaixo do brazo,ves?”. Se o pieite era da estopa leváballe o día, do lenzo día e medio. Despois ensinoullos a facer a María. Seguir lendo “As tecedeiras do Añón”

Picote

“ Este picote foi moi ben arcadiño, e que  se non se arca así co dedo, non sabes, non é picote.Canto me ten tapado a min este mandiliño por eses montes arriba.A prenda de máis valía que eu teño é este mandil.Tecéramo miña madriña.”

Urdime Liño ( un cabo) ou algodón
Trama Lá dun cabo ( varias cores)
Ancho De 70 cm ata 86cm.
Acabado Abatanado ou sen bater
Densidade Urdido de 5 a 6  fíos/cm. Trama 14-16 fíos/cm
Ligamento Pano chan con efecto de trama

 O picote é un tecido denso, quente e practicamente impermeable.Cando a choiva o molla aínda tupe máis, e os mandiles de botar ao lombo-lellos, leras, leñas,…_poden andar á auga un día enteiro sen que os pase.

Tecemos varios panos en diferentes densidades e anchos en función das pezas que se vaian fabricar.