Lenzo

“ Fiei o liño pra unha tea de lenzo de vinte varas, para levala cando casei. Aínda a teño enteira e fai disto 52 anos. Gústame vela así, non che sei,….sempre me dou lástima cortala”.

Urdime Liño un cabo
Trama Liño un cabo
Ancho 68 cm
Acabado Lavado
Densidade Urdido 17 fíos/cm. Trama 15 fíos/cm.
Ligamento Pano chan

Candil

Cando llo ensinamos á Sra. Dolores de Cortés, nada máis velo de lonxe dixo:

-Ese é o candil.

Imos polo bo camiño, pensamos nos.

 

 

Urdime Liño ( un cabo)
Trama Lá dun cabo negra e vermella
Ancho 79 cm.
Acabado Abatanado ou sen bater
Densidade Urdido 9 fíos/cm. Trama 11-12 fíos/cm.
Ligamento Pano chan con efecto de trama

Burel, xerga, saial*

“Desta mesma tea, así da cor das cereixas, tiña mi madre un refaixo. Aínda parece que a estou vendo chegar da feira”.

 

Urdime Estame lá dun cabo negro/ vermello. Lá cor natural fiada á man.
Trama Lá dun cabo negra/ vermella.La cor natural fiada á man.
Ancho 72cm. (pano chan)/ 65cm. (estameña)
Acabado Abatanado
Densidade Urdido 10 fíos/cm. Trama 9 fíos/cm (pano chan).Urdido 11 fíos/cm. Trama 10 fíos/cm (estameña).
Ligamento Pano chan e estameña.

 

*Tecemos dous panos dentro deste xénero. Xerga, burel e saial son os distintos nomes que lle coñecemos ó pano urdido e tapado con lá con ligamento de pano chan e abatanado. Descoñecemos o nome que recibe o mesmo pano tecido en ligamento de estameña (sarga) que se usaba nos refaixos de volta na provincia de Ourense.

Tecedeira dos amores

A Sra. Celia foi aprender a  tecer de moi nova “ e tería uns 16 anos”, á casa da Sra. Preciosa a Quintillán “ non che era eu sola. Eramos unhas catro ou cinco aprendendo, e viviamos alí. Teciamos de noite, meu fillo. De día había que traballar para a casa : ir ó toxo, atender a facenda,…”.

Aínda pagando a aprendizaxe con traballo conta que levaba parte da comida da súa casa “cando se facía o caldo cada unha botaba a súa carne. Eu viña á casa cada mes ou así, buscar unha bola de pan e algo de carne”.

 Ao pouco de rematar a súa aprendizaxe a Sra. Celia xunto coa súa mestra a Sra. Preciosa e algunhas mozas máis, capitaneadas polo entón alcalde do seu concello, participaron na Feira Internacional del Campo de Madrid aproximadamente nos anos 50, levando con elas no coche de liña o tear e o liño para ensinar todo o proceso “ estivémosche alí dous meses, con todo pagado e ganando dúas pesetas ó día”. Seguir lendo “Tecedeira dos amores”

Pentes

20160422_171906
Pentes de diferente numeración

Unha das cousas fascinantes que ten o oficio de tecelá ao xeito tradicional é que calquera das ferramentas e utensilios que se empregan no traballo poden ser feitos por un/unha  mesmo/a  con recursos do entorno   “ antes  a xente sabía facer de todo“.

Os pentes, peites, pendes ou pieites son pezas que xunto cos lizos ( dos que falaremos noutro momento) forman as chamadas perchadas, mangas, vestidos ou vestiduras do tear ( podemos dicir que o conxunto é o software do tear). O normal é que cada tecedeira teña un vestido        ( peite+ lizos) para cada labor,  para non ter que andar enfiando e desenfiando o mesmo de cada vez, xa que a grande variedade de labores  precisan de enfiados diferentes. As teas novas anóanse fío a fío no remate das vellas, evitando o pesado traballo de enfiar. Seguir lendo “Pentes”